Comezamos o mes de outubro, no día en que facemos memoria de Santa Teresa de Lisieux, cunha invitación moi especial: lembrarnos de cal é a nosa misión, anunciarlle ao mundo enteiro que Deus nos ama profundamente a todos e cada un de nós. O obxectivo non é facer moitas cousas ou encher as axendas, senón poñer o corazón no anuncio do Evanxeo en cada recuncho do planeta.
Se hai algo que nos pode axudar a vivir este mes con espiritualidade misioneira é botar unha ollada máis aló das nosas fronteiras, tanto as territoriais coma as existenciais, tomando como exemplo aos milleiros de misioneiros e misioneiras que, deixándoo todo, dixéronlle SI ao plan de Deus e marchan ata os confíns da terra para contar e transmitir unha testemuña de AMOR a cada persoa.
Dende as Obras Misionais Pontificias, seguindo a mensaxe do papa Francisco (podes ler aquí), anímannos a “Ir e invitar a todos ao banquete”, recoñecendo a centralidade da Eucaristía na vida de todo cristián e evidenciando as dificultades que, en numerosas ocasións, atopan moitas persoas ao longo e ancho do planeta, para poder participar e celebrar en comunidade este sacramento.
Neste ano, animados polo noso arcebispo, organizamos a Vixilia Diocesana do Domund, co obxectivo de ter un encontro de oración por toda a Misión que a Igrexa leva a cabo, lembrándonos moi especialmente de todos os misioneiros.
A vixilia celebrarase o sábado, día 19 de outubro, na capela das Virtudes, en san Xoán de Vitre, concello de Frades. A vixilia comezará ás 19:00 e virá precedida por unha xuntanza na que se levarán a cabo actividades, e momentos de compartir experiencia e compromiso misioneiro.
Sentídevos invitados!
Fátima Noya
Delegada Episcopal para as Misións
e Directora Diocesana de OMP